Tuesday 07 de May de 2024

Abegondo crea unha fronte común contra a instalación dunha subestación que pretende Rede Eléctrica


• O alcalde reuniu á corporación hoxe alcanzando un consenso para opoñerse á actuación ante o impacto previsto

• O Concello convocará aos veciños de Folgoso e presentará alegacións

O Concello de Abegondo crea unha fronte común para mostrar o seu rexeitamento total ao ao novo proxecto de subestación eléctrica que Rede Eléctrica Española quere levar a cabo no municipio. O alcalde, José Antonio Santiso, reuniu hoxe a todos os grupos da corporación para selar un consenso na defensa dos intereses do municipio.

O Concello presentará alegacións aos procesos que están agora en información pública: o outorgamento da declaración de utilidade pública e as autorizacións previas dos proxectos. Na reunión celebrada hoxe estiveron tamén presentes os técnicos municipais e da Reserva, que serán os que elaboren as alegacións.
O Concello ademais encargará un informe externo a unha consultora especializada para sumar argumentario técnico que fundamente as alegacións. Cóntase ademais coa valoración da Universidade da Coruña. Unha vez cóntese con elas, serán trasladas aos grupos políticos para que poidan realizar achegas e logo serán aprobadas no pleno da corporación.

O goberno local tamén convocará aos veciños da parroquia de Folgoso, emprazamento da subestación, para informarlles dos pasos que levarán a cabo. Previsiblemente, a cita será o sábado 23 de setembro. Mandaranse cartas aos residentes para notificarllo.
“Hai razóns obxectivas para impedir que se implante esta subestación en Abegondo”, sinalou o alcalde. Neste sentido, como punto a explorar, apuntou ao feito de que a subestación estea eximida do trámite de impacto ambiental pero non así os apoios da liña de evacuación.

Santiso destacou a importancia de “facer forza común” desde todas as formacións políticas e desde a cidadanía para rexeitar a subestación. “Recorreremos a todos vos medios ata a última instancia para evitar esta infraestrutura en Abegondo”, insistiu.

O proxecto
O proxecto de Rede Eléctrica é diferente, e con distinta finalidade, ao previsto no seu día na planificación 2015 – 2020 da compañía, deseñado entón para reforzar a alimentación da cidade da Coruña. Foi descartado posteriormente cun rexeitamento unánime de Concello e veciños, e sen dispoñer do beneplácito de AESA.

Este novo proxecto está motivado por dúas cuestións: alimentar ao AVE e a evacuación da enerxía de parques eólicos. Derivará dita enerxía cara ás Pontes, emprazamento moi afastado de Abegondo.

A pesar do cambio absoluto na xustificación para construír a subestación, a petición mantense para o mesmo punto na parroquia de Folgoso, algo que para Santiso “é unha tomadura de pelo”. “Carece de sentido levantar unha infraestrutura con este impacto nun municipio tan afastado do destino da enerxía”, sostén.